Xabier Mera
Xabier Mera é un creador e xestor cultural galego en permanente evolución con múltiples perfís, resumidos en ser músico, creador e facilitador de proxectos culturais. A súa marca persoal baséase na oferta dos seus proxectos musicais, na paixón pola docencia musical, na composición para audiovisual e teatro, así coma no deseño e realización de proxectos culturais propios e alleos, en parcería con institucións, concellos, colectivos ou outros nómades laborais do seu mesmo perfil inquedo. Viviu e formouse en teatro, música e filoloxía en Compostela, Bologna, Barcelona e Londres.
Como músico profesional, é cantante, guitarrista e compositor, tocando e compoñendo para audiovisual e teatro desde o ano 2000, en España e Reino Unido. Fundou Aló Django, banda pioneira do jazz manouche en Galicia. Foi co-fundador da compañía e produtora teatral Pistacatro, onde traballou durante dez anos como xestor, actor e clown, implementando ademais a escola de circo Circonove. Os seus soños máis recentes van desde a dirección de coros ata iniciativas como Jam de Barrio (programa de profesionalización para bandas emerxentes en Compostela), Blues na Escola (obradoiros en centros docentes de Fisterra, arredor do blues), ou a banda sonora da serie web “Antes de Perder”, para RTVE. É membro da actual xunta directiva da asociación Músicas ao Vivo.