Xabier García Mera

Contacta

634 388 952

info@sisons.gal
inscricions@sisons.gal

Day(s)

:

Hour(s)

:

Minute(s)

:

Second(s)

Xabier Mera

Xabier García Mera

MÚSICAS AO VIVO

Xabier Mera é un creador e xestor cultural galego en permanente evolución con múltiples perfís, resumidos en ser músico, creador e facilitador de proxectos culturais. Nado en Compostela, onde se graduou en filoloxía galega, viviu e formouse en teatro e música en Galicia, Italia, Barcelona e Londres. No eido da música, é cantante, guitarrista e compositor. Leva tocando, gravando e compoñendo para audiovisual e teatro desde hai máis de quince anos, tanto en España como no Reino Unido. Fundou bandas como Aló Django, pioneira do jazz manouche en Galicia que leva xirando desde o 2006 por escenarios galegos, españois e portugueses.

Implicado en xestión cultural e creación artística multidisciplinar desde o ano 2000, foi un dos fundadores da compañía de teatro e produtora cultural Pistacatro. Neste proxecto traballou durante dez anos tanto no eido creativo como na parte de xestión. No primeiro, sendo actor, clown e compositor na creación de espectáculos propios e alleos, e na parte de xestión como xestor cultural, produtor e director de todo tipo de eventos culturais e festivais escénicos, elaboración e presentacións de proxectos, distribución de espectáculos e proxectos musicais etc. Como parte do mesmo proxecto, axudou ademais a implementar un dos poucos espazos de formación circense de todo o estado español, a Escola Circonove.

Algúns dos seus últimos proxectos van desde a dirección musical de coros (Coro Escola Estudio, Coro Almasingers), ata a realización de iniciativas culturais propias como Jam de Barrio (programa de profesionalización para bandas emerxentes) ou alleas como Blues na Escola (obradoiros educativos en centros docentes, con eixo arredor do blues, en centros docentes de Fisterra como parte da programación expansiva do Festival Fisterra Blues), ademais da composición de bandas sonoras como a da serie web “Antes de Perder”, producida por Cósmica Producións para a RTVE.
É membro da actual xunta directiva da asociación Músicas ao Vivo, a entidade representativa de todas as músicas e músicos de Galicia diante das institucións e que ten por obxectivo defender os dereitos dos profesionais intérpretes, compositores e docentes de Galicia.

WEB: www.xabiermera.com

Músicas ao Vivo

Músicas ao Vivo (MAV) nace a finais do ano 2008 como asociación co obxectivo de agrupar e unificar as inquietudes dos músicos de directo, e como plataforma de intercambio de información e opinión. Pretende ser un lugar onde todos os músicos teñan cabida e así posuír unha voz común deste colectivo. A filosofía desta asociación baséase en dignificar a música en directo e o traballo dos músicos que a levan a cabo.

Como obxectivos principais podemos apuntar:

  •  Representar ao colectivo de músicos/as
  • Dignificar a profesión de músico/a
  • Fomentar a conciencia social dos músicos/as galegos
  • Defender os intereses dos asociados e do colectivo
  • Visualizar e dar a coñecer a música galega
  • Fomento das boas prácticas na contratación dos músicos/asNestes momentos, Músicas ao Vivo excedeu os 12 anos de vida, cun apoio social de preto de 500 socios.

Consolidouse xa como interlocutora válida ante a Administración Pública galega e é parte integrante e fundadora de varias plataformas estatais de músicos como son UMP (Unión de Músicos Profesionais), FEMA (Federación de Músicos Asociados) ou FMJAZZ (Federación Estatal de Asociacións Profesionais de Músicos de Jazz e Músicas Improvisadas), así como de colectivos intersectoriais como a PLAM.

Músicas ao Vivo detectou rapidamente que a problemática laboral dos artistas era unha das principais áreas que a asociación debería abordar.

En 2010, e en colaboración coa propia AIE e Musicat desenvolvemos o Plan de Regularización Laboral en Galicia, cun servizo de asesoramento integral e realización de servizo de facturación.

Todo iso acompañado de actividades formativas e participación en coloquios e mesas redondas con outros suxeitos da industria musical en Galicia.

Desde 2018 e ante a finalización do convenio con Musicat, MAV foi a impulsora da creación dunha cooperativa de músicos 100% galega. Aproveitamos todo o coñecemento solicitado dos anos de colaboración con Musicat e realizamos unha adaptación propia ás necesidades do sector en Galicia.

Naceu MÚSICOS AO VIVO S. COOP. GALEGA, acompañado pola creación dun novo un portal web especialmente deseñado para a cooperativa, onde os músicos poden realizar en liña todos os trámites de facturación e solicitude de altas na S.S., así como as consultas das nóminas, etc. Isto supuxo un punto de inflexión para a asociación e para o sector musical galego.

En 2019, aproveitando a entrada dunha nova directiva, aproveitouse a oportunidade para facer pequenos pero necesarios retoques estatutarios e cambiar o nome de “Músicos ao Vivo” a “Músicas ao Vivo”, como mostra da importancia da loita pola igualdade de xénero, dentro da industria da música en Galicia.

Páxinas Web:
http://musicasaovivo.gal/
http://premiosmartincodaxdamusica.gal/