Maraya Zydeco

Contacta

634 388 952

info@sisons.gal
inscricions@sisons.gal

13, 14, 15 e 16 de outubro

MARAYA ZYDECO

Maraya Zydeco é a única formación de Zydeco-Blues existente en Galicia, e unha das poucas de Europa. Maraya é o nome artístico da acordeonista María A. Santiago que, aínda que procede do contexto clásico, sempre tivo especial sensibilidade por este estilo fortemente irmanado coa nosa música tradicional: temas que falan do indispensábel amor, da denuncia social, onde se describen as paisaxes, letras que homenaxean a mitos coma Muddy Waters ou cancións que saborean a comida “cajun” e reflexionan sobre viaxes pendentes…

En “MZ Sessions” atopamos temas de nova composición, escritos polo imprescindible cantautor de Pensilvania Michael Lee Wolfe (voz e guitarras) que conta con máis de vinte discos publicados. Agora Maraya deféndese con ese outro acordeón tan pouco coñecido a este lado do Atlántico, onde a improvisación e o “groove” son os ingredientes esenciais deste menú, aportados en boas doses grazas ao baixo do laxense Víctor García Pose que conta cunha amplia experiencia en varias bandas, e a impecable batería do coruñés Miguel Cabana, un dos bateristas con máis longa traxectoria no mundo do Jazz e a Música Moderna. En directo o cuarteto tamén relembra aos clásicos, achegando a súa visión particular dos máis grandes referentes do xénero, coma Clifton Chenier, Buckwheat Zydeco ou Rosie Ledet, con temas como o inesquecible “Let’s the good time’s roll” (vive os bos tempos), base deste vibrante e positivo Zydeco, obrigada receita en tempos de pandemia.