Espiño

Contacta

634 388 952

info@sisons.gal
inscricions@sisons.gal

16,17,18 y 19 de outubro

Perseverancia, honestidade e experiencia son os principais valores do creador de cancións compostelán Alfonso Espiño, quen leva máis de media vida facturando música pop en combos xa de culto coma Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit ou Los Chavales. En solitario como Espiño dende 2016, sigue explorando xunto co seu grupo as posibilidades do pop lisérxico, traballando coma ninguén a neopsicodelia en Galicia e en galego, e acuñando o termo galedelia.

Acompaña a Espiño (baixo e voz) nesta aventura musical a banda composta por Ale González (teclados), Brais Sánchez (guitarras) e Fran Facal (batería). O grupo naceu alzándonse co Primeiro Premio do II Certame Galicia Creativa en novembro de 2016, sendo tamén finalista dos Premios Martín Códax da Música en 2018, 2019 e 2021 (e outras dúas veces máis con outros proxectos).

Nas súas gravacións, Espiño é xeneroso co detalle e os preciosistas arranxos instrumentais, que flúen en sintonía cunha lírica rica en personaxes fascinantes e lugares máxicos, inspirados pola paisaxe natural e a melancolía de Galicia. Sobre os palcos, a banda ofrece un enérxico directo que tamén conta con momentos puntuais para o recollemento e a emoción.

Espiño pasou por multitude de festivais (Felipop, Noroeste Estrella Galicia, Feito a Man, Vive Nigrán, Festival de la Luz, Galegote Rock, Curruncho Pop, SUNS Europe en Italia, Outono Códax Festival…) manifestando o interese e apoio de público e programadores polo músico santiagués, que traballa de cotío en novas melodías. Tamén é DJ en clubes e festivais, e investigador musical e conferenciante, coa súa tese sobre a historia do pop en Santiago, publicada co nome de ComPOPstela (2020).