De Ninghures

Contacta

634 388 952

info@sisons.gal
inscricions@sisons.gal

16,17,18 y 19 de outubro

De Ninghures é unha banda do novo folk galego que nace das inquedanzas de xente nova de diferentes puntos da nosa xeografía. Partindo da tradición galega presentan un repertorio con claras influencias de músicas doutros pobos da Península Ibérica, América Latina ou o Magreb.

Sete mozas e mozos que se xuntan para ensinar o seu xeito de manter con vida a música tradicional nos tempos da globalización e que proveñen de tres comarcas galegas (Bergantiños, Terras de Compostela e A Fonsagrada), conformando este grupo que anima ao baile e crea un ambiente de foliada fresca e frenética.

En 2019 son gañadores do concurso Novos Valores como tamén finalistas do Proxecto Runas organizado polo Festival de Ortigueira. A nivel nacional destacan a participación no 50 aniversario da Casa de Galicia en Santurtzi, na celebración do Día de Galicia en Esukadi na vila de Sestao, na XXXIV Fiesta de los Pueblos en Laudio (Álava) e na II Polavila de Santalla d’Oscos (Asturias).

AQUÍ é o seu primeiro traballo discográfico gravado nos Estudios Abrigueiro da man do compositor e produtor musical Arturo Vaquero. Con temas orixinais nos que conflúen pezas de composición propia con arranxos do repertorio tradicional, foi presentado en outubro de 2022 na sala Malatesta, unha das salas de referencia en Santiago de Compostela.

Logo da presentación, levaron o seu traballo a outras cidades galegas como Lugo (dentro da programación do San Froilán) ou A Coruña (para a Fundación Alas). Seguen pechando datas para a xira de presentación deste traballo que gusta pola súa orixinalidade e que está tendo xa moi boa acollida nas redes con cada un dos seus sinxelos de adianto.