Xose Manuel Aldea

Contacta

634 388 952

info@sisons.gal
inscricions@sisons.gal

13, 14, 15 e 16 de outubro

Culturgal

CULTURGAL 2021: A cultura que toca

26, 27 e 28 de novembro, Pazo da Cultura de Pontevedra

En 2021 Culturgal co lema “A cultura que toca” ten como obxectivo recuperar a súa esencia feiral tras a edición do pasado ano marcada pola pandemia. As previsións sanitarias para 2021 dan azos para deseñar a décimo cuarta edición de Culturgal nun escenario conxunto de empresas, público, institucións, profesionais e artistas. Un escenario que non será o de 2020, posiblemente tampouco o de 2019. Xa se dixo moitas veces que nada volverá a ser o mesmo e Culturgal debe propiciar marcos de encontro innovadores que axuden á recuperación do sector. Abrir fiestras e non perder de vista oportunidades. A demanda de produtos culturais non decae; é innegable que hai un público aí fóra desexoso de cultura en todas as súas variantes e variables. Na Culturgal 2021 queremos construír un espazo para o reencontro, a celebración da cultura ao vivo e as alianzas e redes entre entidades. Culturgal desconfínase e recupera tras o pasado ano a súa parte feiral, esencia identitaria do evento.

A dureza que supuxo o 2020 para o sector require de todo o noso entusiasmo neste 2021. O impacto da covid-19 no conxunto de actividades culturais en termos de contracción é superior ao do conxunto de actividades económicas. Se 2020 foi un ano difícil, con grandes aprendizaxes e adaptacións, 2021 ten que ser un ano de recuperación. A acción cultural non só reporta calidade de vida á sociedade, senón que ten que estar no cerne das estratexias de desenvolvemento en calquera comunidade.

Porque toca cultura, a mellor receita para fomentar o desenvolvemento, o diálogo e a diversidade. E porque a cultura tócanos, aportándonos benestar, amplos horizontes e novos compañeiros de viaxe. Culturgal 2021 recupera o contacto, o encontro, a conversa presencial e o directo na cultura. Non significa isto que tras a edición de 2020 practicamente virtual en canto á recepción do público, o evento renuncie á retransmisión de parte do seu programa. Formatear a esencia de Culturgal para levala ás casas a través dunha pantalla ofrece tantos desafíos como beneficios á hora de mostrar proxectos, produtos e servizos. En 2021 contaremos cunha canle única, Culturgal TV, que recollerá unha selección da programación para ser retransmitida. O alcance da retransmisión trae a

Culturgal a ese público que sempre se botou en falta pola súa presenza testemuñal na Feira; é o caso das provincias de Lugo e Ourense e, de maneira destacada, da comunidade galega no exterior.

Ao redor do contacto e da participación estará o motor da feira 2021. Contacto entre creadores e público, entre profesionais, entre empresas e institucións. Por iso falamos dunha Culturgal coa cultura que toca: unha feira chea de estreas, artistas e autores, alianzas e grandes proxectos para 2022. Nada volverá ser o mesmo, diciamos, e isto ofrécenos oportunidades e reflexións. Culturgal 2021 será un bo punto de encontro para imaxinar futuros desde o ámbito da cultura. É o que toca.

Culturgal 2021 conta co apoio e patrocinio da Xunta de Galicia a través de Agadic, do Concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Cultura e Deporte.

CULTURGAL 2021 E AS TENDENCIAS NOS EVENTOS

Nun ano de grandes esperanzas respeito ao fin da pandemia da COVID19, non podemos obviar que o escenario a curto prazo segue a ser delicado e incerto, tanto na sociedade en xeral como no especificamente relativo as eventos e encontros ao vivo. Estas son as principais previsións e tendencias que se apuntan no relativo á organización de eventos ao longo de 2021.

-Tras o estoupido dos eventos dixitais durante este primeiro ano de pandemia, a tendencia en 2021 son os eventos híbridos ou mixtos, aqueles que conxugan a experiencia presencial de aforos limitados co acceso ou participación online.

-As cuestións de seguridade e hixiene son prioritarias na organización de calquera evento.

Priorizanse espazos amplos e abertos que proporcionen maior seguridade ao público.

-Teñen prioridade tamén aquelas cuestións vinculadas directamente co coidado do medio ambiente. O produto ou servizo local gaña puntos nos eventos baixo a etiqueta quilómetro cero ou o que ven sendo o mesmo, menor impacto ambiental.

-Espazos flexibles e con novos usos; a pandemia supón unha revisión dos recintos e da súa oferta para a organización de eventos. Isto tamén provoca a busca de novos espazos, resignificándoos

-A pandemia obriga a traballar con públicos menores en número. Desde unha visión positiva, os pequenos grupos de traballo estimulan o deseño de experiencias diversas, relevantes para o público e definitorias para o evento. A ter en conta os cambios de hábitos de consumo cultural no último ano.

-En relación á programación dos eventos, e a cultura non é unha excepción, a pandemia e as súas

consecuencias sociais atravesan boa parte das propostas de contidos.

Culturgal está organizado por unha entidade sen ánimo de lucro, a Asociacion Culturgal, da que forman parte as asociacions profesionais máis representativas do sector:

A Asociacion Galega de Editoras (AGE) constituíuse en 1983 e leva desde aquela, máis de 35 anos, coordinando a iniciativa empresarial da edicion en lingua galega e integra a máis do 90% do sector editorial do pais. www.editorasgalegas.gal

Escena Galega, a Asociacion Galega de Empresas das Artes Escenicas, creouse no ano 2002 como un organismo de carácter profesional, autoxestor, autonomo e independente, integrado por máis de duas ducias de compañias de teatro, de danza e de monicreques. www.escenagalega.gal

Eganet naceu no 2000 e agrupa a máis de 70 empresas galegas dedicadas a internet e as novas tecnoloxias, que abranguen as cinco principais áreas de negocio neste ámbito: internet e medios on line, comunicacion interactiva en novos medios, consultoriae asesoramento Tic, conectividade e integracion de sistemas e desenvolvemento de software. www.eganet.org

A Asociacion Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e a asociacion empresarial pioneira do sector audiovisual galego. Agrupa empresas produtoras de cine, television, publicidade e servizos e leva contribuindo activamente á consolidacion e desenvolvemento da industria de Galicia desde 1994. www.agapi.org

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas que proveen servizos no ambito da musica ao vivo, incluindo produtores, promotores, managers e axentes. www.agem-musica.com

Culturgal é unha ferramenta deseñada por unha alianza de asociacións gremiais ou sectoriais e, como tal, crea un espazo para aproveitamento das empresas culturais. Nas alianzas, apuntadas como Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número 17 na Axenda 2030 do planeta, está o cerne da Feira; as cinco asociacións organizadoras da mesma representan a unhas duascentas empresas, de tamaño medio e pequeno, que operan no campo cultural. Así mesmo a celebración anual de Culturgal é resultado da alianza consolidada entre o sector privado e as institucións que patrocinan o evento, e un dos obxectivos prioritarios da Feira é promover espazos de encontro, colaboración e alianzas entre as entidades e profesionais participantes. Nun sentido máis amplo e obvio, no concepto Culturgal a alianza co público ou públicos é determinante para a súa existencia.

CONTACTO: aldea@ouvirmos.com